jueves, 7 de febrero de 2008

GALIZA

Información xeral
Galiza[1] ou Galicia é unha nación[2] establecida xurídica e administrativamente como Comunidade Autónoma con estatuto de "nacionalidade histórica" segundo a Constitución española e o seu Estatuto de Autonomía (ver Estatuto de Galicia) dentro do Reino de España e situada ao noroeste da Península Ibérica. Linda ao leste con Asturias e Castela e León, ao oeste co Océano Atlántico, ao norte co Mar Cantábrico) e ao sur coa República de Portugal.
Ten como lingua oficial o galego, similar e de orixe común co portugués, que comparte o dito estatuto co castelán, que é oficial en todo o estado.
A Galiza pertencen o arquipélago das Illas Cíes (formado pola illa do Faro, illa de Monteagudo e a illa de San Martiño), o arquipélago de Ons (formado pola illa de Ons e a illa de Onza), o arquipélago de Sálvora (formado polas illas de Sálvora, illa de Vionta e Sagres), así como outras illas como Cortegada, Arousa, as illas Sisargas, ou Malveiras; a meirande parte das cales pertencen ao Parque nacional das Illas Atlánticas.
Galiza ten a súa orixe cultural na cultura megalítica da fachada atlántica europea e na cultura castrexa. Os primeiros poboadores de Galiza son os nativos oestrimnios e outros pobos de orixe indoeuropea. A fusión destes pobos no noroeste peninsular dará lugar á cultura dos castros entre o macizo galaico e o Río Douro, cultura na que deixaron a súa impronta tamén os romanos.
Posteriormente Galiza será invadida por varias vagas xermánicas. Nun primeiro momento os Suevos farán de Galiza o primeiro Reino independente de Europa, posteriormente este reino será anexionado polos Visigodos. Galiza recibirá tamén no transcorrer da súa historia a viquingos, bretóns e musulmáns. Coa chegada dos musulmáns á Península Ibérica dúas cidades galegas serán atacadas: Santiago de Compostela e Lugo. O reparto do antigo reino visigodo, que se fai entre árabes, sirios e bérberes, dalle a estos últimos a franxa noroeste. As condicións climáticas incomodan a este pobo, procedente do Magreb, así que deciden non asentarse. Galiza igual que outros territorios da Península Ibérica tamén chegaría a ter nalgunhas cidades unha comunidade xudía importante, principalmente na zona de Rivadavia e Ourense. Tamén cabe destacar na cultura galega a influencia cultural chegada dende América Latina, dende as Illas Británicas e dende o centro de Europa grazas ao Camiño de Santiago.
Culturalmente e lingüísticamente as comarcas españolas do Bierzo (Castela e León) e o Eo-Navia (Asturias) son análogas a Galicia. Tamén posúe patróns conxuntos coas rexións lindantes portuguesas de Tras-os-Montes e Baixo Minho na música, nos costumes ou nas tradicións.
A cultura galega, entón, é froito da fusión de elementos culturais achegados por moi diversos pobos que se estableceron en Galicia ao longo da súa historia.
A consideración de Galiza como nación e unha procura constante dun maior grao de autogoberno que son defendidas por un número significativo de cidadáns. As tendencias nacionalistas e mesmo non-nacionalistas en Galiza son na súa meirande parte de tipo federalista, isto é, a formación dunha federación co resto dos actuais territorios españois. Tamén existen grupos independentistas.
Ten uns 2,8 millóns de habitantes (2002) cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte da franxa entre Ferrol e Vigo. Santiago de Compostela é a capital cun estatuto especial, dentro da provincia da Coruña.

Economía

Tenda ZARA en Hong Kong. ZARA pertence ao grupo INDITEX, o primeiro grupo europeo e segundo mundial de confección e roupa. Ten a súa sede central en Arteixo, A Coruña.

Un Citroën C4 Picasso 5 prazas foi o vehículo 9 millóns producido polo Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën dende que iniciou as súas actividades en 1958[3]
Galiza é unha terra de contrastes económicos. Mentres a costa oeste, sé dos maiores centros de poboación, e tamén das industrias manufactureiras e de derivados da pesca, é próspera e incrementa a súa poboación, a zona rural das provincias de Ourense e Lugo basea a maioría da súa economía na agricultura tradicional, asentada no minifundio, ou pequenas explotacións agrícolas e/ou gandeiras. O crecemento do turismo, aproveitamento forestal sostible e agricultura orgánica e natural, así como explotacións gandeiras de certo tamaño están aumentando as posibilidades da economía galega.
Aséntanse en Galiza poucas grandes industrias. Cabe contar entre elas coa planta de Alumina-Aluminio que a multinacional Alcoa ten en San Cibrao, a industria manufactureira de automóbiles da tamén multinacional Citroën en Vigo, a mina e as centrais térmica e de ciclo combinado de Endesa de As Pontes de García Rodríguez, a refinería da Coruña ou os asteleiros de Ferrol e Vigo, con desigual sorte e en proceso de reconversión case continua na súa maioría desde os anos 80. Nos anos 90 unha industria galega estase a desenvolver de xeito internacional, a manufactureira téxtil Zara, con sé en Arteixo.
As industrias manufactureiras de produtos agrícolas están en pleno retroceso, caendo en mans foráneas as industrias de derivados lácteos e outras sufrindo unha reestructuración, como lle pasou á antiga industria estatal 'FRIGSA' ('Frigoríficos Industriales de Galicia') que acabou sendo desmantelada e tratando de ocupar o seu lugar unha serie de empresas moito máis pequenas.
A pesca, na que tradicionalmente Galiza é unha potencia, ven mermando o número de capturas desde hai anos tanto polo esgotamento das pesquerías tradicionais como polas condicións políticas de acceso ás mesmas. Estánse comezando a desenvolver os cultivos mariños, algúns deles seguindo a liña tradicional das mexilloeiras (que aínda hoxe representan a maioría do valor de especies cultivadas) ou as cetáreas.
A agricultura e gandeiría pasaron nunha xeración de ser practicamente de subsistencia a ser de comercialización, e seguen a sufrir cambios debido ao impacto da incorporación na UE e ás condicións de entrada. O número de explotacións agrarias está caendo rapidamente, así como se está a concentrar a cota leiteira, por citar dous indicadores.

O 85% dos turistas que visitan Galiza visitan Santiago de Compostela, un dos principais reclamos turísticos galegos[4]
O turismo, de desenvolvemento máis tardío que noutras zonas da península, representa hoxe en día unha importante fonte de ingresos, coa peculiaridade de que se concentran na costa (principalmente nas Rías Baixas) e Santiago. Durante o ano 2007 Galiza recibiu 5,7 millóns de turistas, un 8% máis que no ano 2006[5], e un 11% máis que no 2005 e 2004. O turismo supón o 12 por cento do Produto Interior Bruto (PIB) galego e emprega a un 12 ou 13 por cento dos traballadores. A cuarta parte dos turistas que visitan Galiza proceden doutras partes do país, o resto procede de Madrid e Cataluña, seguidos por castelán-leoneses, andaluces, vascos e asturianos. Durante o 2007 1,2 millóns de turistas estranxeiros visitaron Galiza, fronte ao 25% que o fixo no 2005[6], entre eles destacaron os portugueses, alemáns, británicos, italianos e franceses e, de entre os procedentes de América, os máis numerosos foron arxentinos, venezolanos e estadounidenses.
A balanza exterior galega ten signo positivo, obtendo perto de 600 millóns de euros de superávit no ano 2002. Os principais socios comerciais de Galiza atópanse na Unión Europea.
Case a metade dos empregos en Galiza están dedicados ao sector servizos (582.000 persoas dun total de 1.072.000 traballadores, (2002)), seguido pola industria (máis de douscentos mil), e agricultura e construción con aproximadamente a mesma cantidade de traballadores. Curiosamente, é no sector agrario onde é menor a taxa de paro: 2,9%, estando no sector terciario no 9%.
Ver tamén:
Agricultura da Galiza
D. O. de Galiza

Xeografía

Límites

O territorio da Comunidade Autónoma de Galiza está comprendido entre 43º47'N (Estaca de Bares) e 41º49'N (Fronteira con Portugal no parque do Xerés) en latitude. En lonxitude, entre 6º42'O (límite coa provincia de Zamora) e 9º18'O (Acadado practicamente en dous lugares: cabo da Nave en Fisterra e cabo Touriñán).

Portos

A Costa
A costa galega ten multitude de entrantes e saíntes e illas pequenas, e en xeral é escarpada ou con descensos pouco suaves. Alternan lugares con características diferentes, como Corrubedo nas Rías Baixas ou a Rasa Cantábrica na Mariña, a primeira un lugar de características dunares nunha costa de perfil baixo, e a segunda unha zona de deposición xeolóxica elevada sobre o seu nivel orixinal. Os dous puntos citados son exemplos de lugares que reciben moitas visitas debido ás súas características físicas e fermosura: alí se atopan respectivamente o Parque Dunar de Corrubedo e a Praia de Augas Santas ou das Catedrais.
A maioría da poboación vive á beira das rías atlánticas, nos maiores núcleos urbanos e as súas áreas de influencia. As rías teñen importancia pesqueira, contribuíndo a que a costa galega sexa unha das zonas pesqueiras máis importantes do mundo. Asemade atraen multitude de turistas polas magníficas vistas e praias (a maioría de area branca e suave) e mar tranquilo.

As Rías

A ría de Arousa constitúe a maior ría galega en superficie

Contrariamente a crenzas populares, o Cabo Fisterra non é o punto máis occidental da península Ibérica. Esta distinción debe outorgárselle ao Cabo Touriñán

O arquipélago das Illas Cíes forma parte dende o 2002 do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galiza

A Illa de Arousa con 4.884 habitantes no 2005 constitúe a illa máis poboada de Galiza

Río Sil ao seu paso pola provincia de Lugo
Xeograficamente, unha das peculiaridades de Galiza é a presenza das rías, indentacións na costa nas que o mar anega vales fluviais por descenso do nivel terrestre (ascenso relativo do nivel mariño). As rías están tradicionalmente divididas en Rías Altas e Rías Baixas, segundo a súa posición respecto a Fisterra como punto máis occidental de Galiza.
As Rías Altas son as de Ribadeo, Foz, Viveiro, O Vicedo, no Mar Cantábrico (é dicir, ao leste de Estaca de Bares como punto máis setentrional de Galiza), e Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Betanzos A Coruña, Corme e Laxe e Camariñas.
As Rías Baixas, todas na fachada atlántica, son de maior tamaño. Enumeradas (de norte a sur) son Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo.

Cabos
Os máis coñecidos son:
Estaca de Bares, que marca o punto máis ao norte de Galiza e a separación entre Océano Atlántico e Mar Cantábrico, entre as rías do Vicedo e Ortigueira.
Cabo Ortegal, entre a ría de Ortigueira e os cantís de Teixido.
Cabo Prior, ao norte de Ferrol.
Punta Santo Adrao, perto a Malpica.
Cabo Vilán, que limita a ría de Camariñas.
Cabo Touriñán, ao sur da ría de Camariñas.
Cabo Fisterra, tendo nunha das súas beiras o punto máis occidental de Galiza.
Cabo Silleiro, que pecha polo sur a ría de Vigo.

Illas
Illa de Arousa
Illas Cíes
Illa de Ons
Illa de Sálvora
Illa de San Simón
Illa de Tambo
Illa de Cortegada
Illas Sisargas
Illa da Coelleira
Illa de San Martiño
Illa Ansarón
Os Farallóns
Illa Pancha
Non se listan multitude de illas máis pequenas e illotes.

O interior
Demograficamente, o interior galego está pouco poboado, e continúa a experimentar a emigración ás áreas urbanas litorais, (antes a Madrid, Barcelona, Biskaia e Europa Occidental, e antes aínda a América, onde todos os españois aínda hoxe son chamados 'gallegos'), de xeito que se mantén a estrutura poboacional en pequenos núcleos, pequenas vilas e a poboación dispersa en aldeas, o que se reproduce na costa pero con características diferentes debido á moito maior densidade poboacional.
O aspecto orográfico que presenta Galiza no seu interior é de montañas baixas e romas, con multitude de ríos, estruturados como tributarios do Río Miño no interior, e nas cuncas atlántica e cantábrica, ríos máis curtos (en particular os que van ao Mar Cantábrico). As pendentes suaves ás veces ceden o paso a ladeiras escabrosas, como ocorre nos Canóns do Sil. Noutras zonas aparecen amplios vales, aínda que son minoritarios.
Galiza é percorrida de norte a súeste por dúas fallas tectónicas, partindo as características do chan galego polos ditos lugares. Así, encontramos na zona de O Porriño canteiras de granito, rocha moi abundante en boa parte de Galiza, pero ausente no extremo nordeste.

Ríos
Galiza tense denominado como o país dos mil ríos pola cantidade de cursos fluviais que mantén. En xeral, ademais do Miño na súa desembocadura ou nos moitos encoros, son aproveitables para a navegación transversal e lonxitudinal en tramos curtos [1].
Son ríos moi curtos na vertente cantábrica e algo máis longos na atlántica, coas excepcións novamente de Miño e Sil que teñen unha lonxitude de varios centos de km.
Existen moitos encoros para a produción de enerxía eléctrica, debido ao caudal, pendente e angostura, o que produce tamén o fenómeno dos 'canóns', como os célebres canóns do Sil (moitos deles aproveitados para encoros).
Ver o listado de ríos de Galiza

Montes
As montañas máis elevadas son Pena Trevinca, con altura superior aos 2000 m (no límite administrativo da Comunidade Autónoma) e Cabeza de Manzaneda.
Porén, coas características antes citadas, existen diversas serras ou cadeas montañosas, entre elas:
O Xistral entre A Mariña e a Terra Chá, co Cadramón (1019 m) e Monseiván (929 m) como puntos máis altos,
Os Ancares, que traza a fronteira administrativa coas comunidades de Castela eLeón e o Principado de Asturias, co pico de Pena Rubia (1821 m) como altura raíña,
O Courel, ao norte do río Sil, tamén en fronteira con Castela e León, co monte Faro (1606 m),
Serra do Eixo, con Pena Trevinca (2124 m), fronteira coa provincia de Zamora,
Macizo Central Ourensán, con Cabeza de Manzaneda (1780 m),
Serra do Faro, co monte Cantelle (1222 m)
Cova da Serpe, co pico do mesmo nome (841 m),
Montemaior, co pico de Meda (565 m) ,
Montes do Testeiro, co Faro de Avión (1151 m),
Serra da Peneda, Serra do Xerés e Serra do Larouco facendo fronteira entre Galiza e Portugal con montes como o Aguioncha (1240 m)

Natureza

Flora
Galicia ten unha grande porcentaxe de bosque, onde se desenvolven importantes especies forestais en estado natural, se ben nas últimas décadas as características boscosas están cambiando debido á importación do eucalipto, quedando un número de fragas reducido, en particular no centro-norte da provincia de Lugo.
Dentro do aproveitamento da terra fóronse introducindo diveros cultivos, pero respecto á cantidade de terra dedicada compiten cos pastos debido á presión do aproveitamento económico do gando.
Galicia é unha forte potencia de riqueza forestal para o Estado Español. A pesares dos incendios forestais que queiman moitas hectáreas tódolos anos, a madeira producida en Galicia é unha importante fonte de ingresos, así como a pasta de celulosa procedente de madeiras brandas. A réxión é unha zona de transición entre tres climas e os seus biotopos:
atlántico, con bosques de carballos, bidueiros, amieiros, etc.;
mediterráneo, principalmente nos vales interiores dos grandes ríos, con elementos significativos coma estevas, sobreiras, erbedos, etc.;
continental bastante suavizado, con elementos puntuais coma teixos, acivros, algúns abetos (alóctonos), piñeiros vermellos, etc.;
Debido á bonanza do clima, dánse tamén facilmente especies subtropicais e mesmo tropicais: palmeiras, orquídeas, etc. En Galicia houbo tres revolucións botánicas ou forestais, que se deron en tres épocas diferentes e con resultados ben distintos:
chegada do castiñeiro (Castanea sativa) cos romanos, rapidamente aclimatado e agora xa considerado coma autóctona;
chegada das repoboacións de piñeiro rodeno (Pinus pinaster), co tempo chamado mesmo piñeiro do país ou piñeiro galego, dende a descobremento de América, sobre todo para a construción de barcos;
chegada das repoboacións de eucalipto (especialmente Eucalyptus globulus), dende o franquismo, aínda contemplado coma especie alóctona, principalmente para fornecer de materia prima a ENCE, a papeleira de Pontevedra.

Fauna
Os animais que se ven topicamente como máis característicos de Galiza son domésticos, e corresponden ás explotacións gandeiras. Nembargantes, os bosques e montes galegos albergan unha variedade de pequenos mamíferos (lebres, coellos) e outros non tan pequenos (como xabarís ou corzos) que son aproveitados nas tempadas de caza.
Dentro das aves, cabe citar os varios sitios de paso ou invernada, zonas ZEPA, etc, como a da Ría de Ribadeo

Climatoloxía
En xeral, Galiza ten un clima suave de influencia oceánica, moi chuvioso. Nembargantes, a irregular orografía ten como consecuencia a existencia de múltiples microclimas, con fortes variacións en áreas con pouco máis de 200 km2.
A grandes trazos, pódense distinguir as seguintes zonas:
Rías Altas e interior de A Coruña, con clima oceánico húmido. Rexistra o maior índice de precipitacións de Galiza, así como o menor número de días soleados e o maior número de días con precipitacións.
Mariña Luguesa, con clima oceánico suave con temperaturas baixas todo o ano.
Interior, con clima oceánico case continental.
Rías Baixas, con clima oceánico suave.
Curso fronteirizo do río Miño, cun clima moi próximo ao Mediterráneo suave.
Ribeira Sacra, cun clima continental moi cálido propiciado polo Val do río Miño e os diversos montes que rodean a cidade de Ourense. No verán acostuman a ser bastantes os días nos que se rexistra a temperatura diaria máis elevada de España.
Eis un resumo dos datos do Observatorio Ramón María Aller de Santiago respecto ó ano 2002 como exemplo ilustrativo para o interior de A Coruña:
Chuvia: 189 días de chuvia (distribución normal de 50% de días chuviosos) con 2415,9 l/m2, distribuída na súa maioría nos tres derradeiros meses do ano.
Temperatura: mímima rexistrada de +0,6ºC e máxima de 32,8ºC.
Insolación: 1.663 horas e 40 minutos, a cantidade máis baixa con diferencia dos últimos anos (media anual, 2000 horas).
Outros: 28 días de tormenta.
O clima varía entre as costas, con oscilacións máis suaves, e o interior, no que se acadan no inverno as temperaturas máis frías (Manzaneda) e no verán as máis cálidas (Ourense).

Historia
Artigo principal Historia de GalizaAs etapas culturais máis importantes datadas na Galiza son:

Cultura megalítica
Artigo principal: Megalitismo en Galicia
A primeira claramente identificada, caracterízase pola súa capacidade construtora e arquitectónica, xunto co seu sentido relixioso, fundamentado no culto aos mortos como mediadores entre o home e os deuses. Este sentido relixioso abrangue a súa importancia ata a actualidade.
Estaban constituídos en clans. Desa época dan testemuña milleiros de mámoas e medorras espalladas.

Idade de Bronce
É nestes tempos cando se chega ao desenvolvemento metalúrxico, impulsado pola riqueza mineira. Parece que debido aos cambios climáticos, varios pobos da meseta trasladáronse á zona, incrementando a poboación e os conflitos entre pobos.
É a época de produción de diversos utensilios e xoias de ouro ou de bronce, que mesmo foron levadas máis aló dos Pirineos.

Etapa castrexa
Artigo principal: Cultura Castrexa
Floreceu na segunda metade da Idade de Ferro, resultado da fusión da cultura da Idade de Bronce e outras achegas posteriores, coexistindo en parte coa época romana. Os celtas trouxeron novas variedades de gado, o cabalo domesticado e probablemente o centeo.
O primeiro pobo celta que invade Galiza é o dos Saefes, no XI a.C., quen someterá o Oestrymnio; pero este influirá no primeiro sobre todo nos eidos da relixión, da organización política e das relacións marítimas con Bretaña e Inglaterra. O seu carácter eminentemente guerreiro fixo que Estrabón dixera deles que eran os máis difíciles de vencer de toda a Lusitania. Cómpre dicir que a provincia romana da Gallaecia propia dos galaicos aínda non estaba constituída políticamente e administrativamente.
Os castros son recintos fortificados de forma circular, provistos dun ou varios muros concéntricos, precedidos xeralmente do seu correspondente foxo e situados, os máis deles, no cume de outeiros e montañas. Entre os castros de tipo costeiro destacan os de Fazouro, Baroña e O Neixón. No interior poden mencionarse os de Castromao, Viladonga ou Santa Tegra. Común a todos eles é o feito de que o home se adapta ao terreo e non ao contrario.
Canto aos templos, a única construción atopada é a de Elviña. O de Meirás conserva unha necrópole. Noutros castros existían pequenas construccións en forma de caixa onde se gardaban as cinzas. Existe tamén outras parcialmente soterradas, cun depósito para a auga, nas que os vestixios de lume indican que debían servir para incinerar os cadáveres.
Dende finais do Megalítico aparecen inscricións sobre as rochas graníticas a ceo aberto das que se descoñece aínda o verdadeiro orixe e significado (son moi coñecidas as de Campo Lameiro).

A romanización
Artigo principal: Gallaecia
Os romanos someteron a Galiza para aproveita-los seus recursos mineiros. Co tempo convertiríana en provincia do imperio e recoñecerían a súa personalidade chamándoa Gallaecia. Con eles, os castros perderon o seu vello valor defensivo. Trouxeron novas técnicas, novas vías de comunicación, novas formas de organiza-la propiedade e unha lingua nova, pero foron tolerantes coa cultura existente.
O cristianismo chegaría a Galiza cos romanos. Lograría o que non acadou o latín e impúxose ó arrianismo dos suevos e ó paganismo prerromano. Os suevos, que mantiveron Galiza como reino independente cento setenta anos, foron progresivamente mediatizados polos visigodos. Foi na súa época na que se impuxeron definitivamente a lingua latina e o cristianismo, evolucionando o primeiro cara o galego e mesturándose a segunda cos costumes paganos.
O Islam chegaría ó sur de Galiza e só o norte se mantería como bastión da Reconquista ata que, logo de recupera-lo sur, este se independizara co nome de Portugal. As actividades económicas dos castrexos baséanse na agricultura e gandería-pastoril.

Idade Media
Artigo principal: Idade Media en Galicia
A aparición do Sepulcro do Apóstolo 'Sant Iago' en plena guerra da Reconquista conferiulle a Galiza unha importancia clave dento do fortalecemento dos reinos cristiáns, erixíndose Santiago como centro relixioso e destino de peregrinos que fortaleceron as ligazóns con Europa. O 'Camiño de Santiago' converteuse nun eixe cultural polo que se espallaron, entre outros, a arte románica ou a lírica dos trobadores, facendo dela tamén un contrapeso cultural fronte ao centralismo.

Idade Moderna
Artigo principal: Galiza na Idade Moderna
A partir da escriturización normativa en castelán comezada por Afonso X, o galego como lingua comezou unha decadencia acelerada dentro do proceso de uniformización de España, pasando polos chamados "Séculos Escuros", nos que a supervivencia lingüística foi só oral. No século XVIII comezouse a tomar conciencia da situación de división lingüístico-social entre o pobo galegofalante e os poderosos, castelánfalantes.

Século XIX
Artigo principal: Galicia na Idade Contemporánea
En 1833 Galiza perde a súa representatividade como unidade administrativa e desaparece a Xunta do "Reino de Galiza". É aqui que nacen as actuais catro provincias galegas que estruturan o territorio baixo administración do goberno central. Atopamos neste século o primeiro xurdimento dun movemento político que vai defender Galiza por causa desta perda de poder.
O pronunciamento de Solís vai levantar en armas a unha parte do exército para defende-la Unidade de Galiza contra a perda da desa administración anterior. Finalmente foron masacrados na batalla de Compostela e en 23 de Abril de 1846 fusilados os sobreviventes, coñecidos a partir de aí coma os Mártires pola Liberdade ou Mártires de Carral.
O Rexurdimento supón unha tentativa culturalista de defensa da galeguidade posterior a esa tentativa política o afianzamento da conciencia de diferenciación cultural parella a un ideal político de autopertenza. Isto supón a recuperación da lingua galega como vehículo de expresión culto. Desta época son Rosalía de Castro, Murguía, Leiras Pulpeiro ou Eduardo Pondal, entre outros.

Século XX
Tras o provincialismo, federalismo e rexionalismo do século anterior, xorde a etapa de Solidaridad Gallega, de 1907 á Primeira Guerra Mundial, co obxectivo de conseguir unha fronte electoral unida para eliminar o caciquismo e acadar unha representación galega (o que se saldou cun fracaso).
Unha primeira etapa, ata Primo de Rivera, é a marcada polas Irmandades da Fala, cunha preocupación fundamental pola defensa da lingua. Ao estendérense, vai callando de novo a idea política do galeguismo. Así, Vicente Risco e Otero Pedrayo traballaron no aspecto cultural e tiveron contraparte no aspecto político en Porteira e Lois Peña Novo. O relevo constitúeo a chamada 'xeración Nós', en torno á revista do mesmo nome, acompañada de 1920 á Segunda República por unha preocupación pola creación dun galeguismo controlado e instrumental desde o poder político central.
Na Segunda República hai dúas tendencias fundamentais: a correspondente á Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e a contraparte no Partido Galleguista (PG). O PG xorde da unión de varias tendencias representadas nas figuras de Vicente Risco, R. Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Suárez Picallo, Castelao... En 1936 o PG, para lograr o estatuto para Galiza, aliouse coa Frente Popular e a resultas desa alianza sufriu unha escisión. Porén, logrouse o Estatuto e Castelao presentouse a Cortes pouco antes da Guerra Civil española.

Franquismo
Durante o franquismo, cualificado por Celso Emilio Ferreiro de "longa noite de pedra", sucedéronse diferentes etapas represivas coas ideas galeguistas, a partir da loita armada de moitos galeguistas en contra de Franco.
Na posguerra créase en Bos Aires o Consello de Galicia, comandado por Castelao e Suárez Picallo. No ano 1944 sae do prelo 'Sempre en Galiza', guía ideolóxica do galeguismo. Pouco a pouco vaise optado polo mantemento dunha acción cultural, como manifesta a criación da editorial Galaxia.
No ano 1964 fúndanse a Unión do Pobo Galego (UPG, partido nacionalista de esquerda revolucionaria segundo o definiu Méndez Ferrín) e o Partido Socialista Galego (PSG, con X.M.Beiras e García Bodaño).

En democracia
(Ver a liña temporal á beira)
Cronoloxía (dende a democracia en España)
1975
Constitución da Xunta Democrática de Galiza
1976
Constitución da Táboa Democrática de Galiza
1977
Constitución da Asemblea de Parlamentarios de Galiza
1978
Xunta Preautonómica presidida por Antonio Rosón Pérez
1979
Xunta Preautonómica presidida por Xosé Quiroga Suárez
1980
Referendo do Estatuto de Autonomía. Aprobado facendo referencia á Nacionalidade histórica.
1981
Primeiras eleccións autonómicas
1982
Presidente da Xunta de Galiza: Xerardo Fernández Albor
1987
Presidente da Xunta de Galiza: Fernando González Laxe
1991
Presidente da Xunta de Galiza: Manuel Fraga Iribarne
2005
Presidente da Xunta de Galiza: Emilio Pérez Touriño

Lingua
O galego, idioma romance derivado do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galiza e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego. Dende o punto de vista filoxenético é de orixe común ao portugués e similar a outros romances ibéricos tales coma o asturiano ou o castelán.
A lingua galega desenvolveu tradición literaria temperá canda outros romances coma o occitano. Esta prematura tradición acredita o seu prestixio. Atravesou posteriormente períodos de decadencia literaria e sociolingüística debido ao estatus político de Galiza ao longo da súa historia.
Actualmente, a lingua galega posúe un estándar elaborado pola Real Academia Galega en base á súa tradición literaria. O galego contemporáneo, como lingua oficial, posúe unha variante culta que é empregada tanto nos medios de comunicación de Galiza coma no ensino primario, secundario e universitario.
A castelán comezou a se introducir na Baixa Idade Media sobre todo ao accederen casteláns a postos na Igrexa e na política galega, e acabou por converterse na lingua da clase dirixente e de facto na única lingua oficial e ao longo do século XX tamén na lingua falada por unha parte dos habitantes das cidades galegas. Despois de varios séculos de imposición política da lingua castelá, o galego acadou nos últimos decenios tamén o estatus de lingua oficial na comunidade autónoma galega, e ámbolos dous son aprendidos nos centros de ensino. Existe un forte movemento social que busca a plena normalización da lingua de Galiza.
Hai que notar que tanto o galego coma o portugués son derivados do antigo galego-portugués. As dúas linguas comezaron a se afastaren progresivamente coa separación política de Portugal e Galicia. Existen posicións distintas en cando á consideración do galego como lingua:
Posición oficial.
A posición sostida pola administración galega e pola conciencia metalingüística da meirande parte da poboación do país é que hoxe galego e portugués constitúen linguas separadas cada unha delas con cadanseu respectivo estándar elaborado por cadansúa institución pero conservando algunhas ligazóns. As normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego son elaboradas pola Real Academia Galega en base aos seguintes criterios de estandarización.
Ortograficamente son estandarizadas aquelas grafías que teñan meirande presenza na literatura galega durante todos os séculos de produción. Considéranse ilexítimas as minoritarias.
A evolución da ortografía galega ao longo da súa literatura constituíuse coma unha ortografía máis fonética ca etimolóxica en función das súas necesidades fonéticas coma a ortografía castelá, a portuguesa, a catalá ou a italiana. Só o francés e o inglés poden considerarse linguas de estandarización ortográfica estritamente etimolóxica.
No que atinxe á morfoloxía tómase de refencia o galego central.
Son estandarizadas as solucións morfolóxicas maioritarias do galego contemporáneo e aquelas que teñan unha meirande presenza na tradición literaria do idioma. A Real Academia Galega prescinde de solucións morfolóxicas mironitarias, sen tradición literaria, alleas e innecesarias. Dende o 2003 son aceptadas solucións dobres ao atoparen diferentes solucións morfolóxicas que cumpren os requisitos para a estandarización. Adóptase unha visión máis ecléctica do idioma e acéptase o polimorfismo do diasistema lingüístico.
O idioma portugués está estandarizado seguindo uns criterios distintos:
A ortografía portuguesa é inspirada na ortografía do occitano produto do Real Decreto de Afonso III de Portugal, alegando motivos estéticos.
A morfoloxía do portugués superpuxo o dialecto de Lisboa por riba do resto en todo o territorio, afastándose así das solucións morfolóxicas galegas similares ao material lingüístico das comarcas portuguesas máis norteñas.
Dende o punto de vista sociolingüístico os trazos morfolóxicos residuais do actual norte de Portugal son calificados pexorativamente de dialectais ou provincianos e só se conservan na franxa etaria máis avanzada dos seus falantes. Estas formas non foron aptas para a estandarización provocando, eles, un afastamento morfolóxico considerable con respecto ao galego. Hoxendía, o idioma portugués, lingua de estado durante máis de oito séculos, encóntrase homoxeneizado morfolóxicamente en todo Portugal.
Posición non oficial ou reintegracionismo.
Así e todo existe outra postura en Galiza que mantén que o galego non é unha lingua nin separada, nin afastada do portugués, senón un outro dialecto do sistema galego-portugués, é o reintegracionismo e aínda existe tamén unha outra postura, o lusismo, que afirma que o galego e o portugués son a mesma lingua.
A literatura galega foi destacada na Idade Media, voltando a rexurdir no século XIX, cunha ampla oferta de escritores galegos que son traducidos a diferentes linguas.

No hay comentarios: